Saltar ao contido principal

Publicacións

Mostrando publicacións desta data: Decembro, 2023

PANXOLIÑA CON MENSAXE

 Que rápido pasou este primeiro trimestre do curso. Xa estamos no Nadal e seguindo co obxectivo de crear unha conciencia medioambiental no noso alumnado, fixemos unha versión  dunha panxoliña tradicional cunha mensaxe de respeto pola natureza e tratando de sacar o noso lado menos consumista nestas datas, polo que tamén escribimos unha carta aos Reis Magos na que os nenos e nenas só podían pedir un agasallo. Ademais, decoramos por ciclos árbores de Nadal empregando elementos naturais como: paos, piñas, follas, bugallos, anacos de madeira... Quedaron moi fermosas! Por outro lado tamén se confeccionaron almanaques, decorados co refraneiro dos meses do ano e con debuxos dos alumnos e alumnas. Poñémosvos a letra da panxoliña para que practiquedes o canto e para acadar o propósito  diario de coidar da nosa querida nai natureza.                     

OS PITIÑOS XA SAÍRON Á RAIOLA

 Os pitiños da raza galiña de Mós xa medraron moito e seguindo os sabios consellos de  dous excelentes veterinarios especializados en aves de curral, como son: Diego de AVIMÓS e Jorge Varela, un dos papás do colexio, sacámolos  fóra do seu caixón de madeira para que poidesen gozar dos raios de sol, fortalecendo así as patas e picando nas herbas do patio. Levan dous días desfrutando do contacto coa natureza e afacéndose ao seu novo galiñeiro exterior, no que traballou, o noso  mañoso conserxe, Fernando Rodríguez. Tamén queremos agrader a colaboración desinteresada por parte do carpinteiro Carlos Framiñán, que donou a cancela e os postes do cerrado.  Moitísimas grazas a todos vós, por cooperar no coidado das aves e na construción do noso femoso galiñeiro!!

DÍA INTERNACIONAL DAS MONTAÑAS

O 11 de decembro conmemórase o Día Internacional das Montañas. No colexio celebrámolo ao longo da semana facendo presentacións das árbores do noso patio. Aproveitamos a hora de lectura, de 12:40 a 13:00, para que as distintas clases fixeran unha lectura das características de determinadas árbores a través da  megafonía do centro. Ao día seguinte colocaron os respectivos carteis identificadores nas árbores. Este ano o tema promovido pola FAO para conmemorar o Día Mundial das Montañas é " Restauración dos ecosistemas de montaña", co que se pretende  sensibilizar sobre a relevancia dos ecosistemas de montaña demandando solucións, mellores práctivas e inversións baseadas na natureza, que constrúan resiliencia, reduzan a vulnerabilidade e aumenten a capacidade das montañas para adaptarse ás ameazas diarias e aos eventos climáticos extremos.