O 23 de febreiro festexamos o anivesario do nacemento da poeta Rosalía de Castro, é unha data na que a sociedade galega se contempla a si mesma para entenderse e recoñecerse e para festexar a propia identidade. Os versos e as palabras de Rosalía son esixentes e requiren da nosa lectura profunda, da nosa escoita e da nosa mirada atenta. A súa obra, a súa vida, o seu padecemento, o seu ollar, o seu sentir, son a alma enteira da nosa Terra. Os versos rosalianos semellan andoriñas viaxeiras de eterno retorno, son verdadeiros cantos de esperanza. Son moitos os poemas nos que Rosalía manifesta un fondo compromiso con Galicia, cos galegos e as galegas, coa lingua, coa cultura e tamén co medio ambiente. É a natureza un tema recorrente na súa obra e a paisaxe de Galicia un dos elementos máis descritos na súa poesía. Renovemos con ela ese compromiso para acadar un tempo de xustiza e de esperanza. Ela ensinounos a loitar por un futuro mellor e "celebrar que o millo medre e que os paxariños ...