Con estes primeiros días húmidos de outono apareceron no cuberto de columnas, agochadas detrás das caixas das cociñiñas de xoguete, catro membros dunha familia de píntegas.
Hoxe no recreo o día estaba chuvioso, polo que houbo que xogar en sitio cuberto. As nenas e nenos de 5º e 6º de primaria andaban a cociñar e acomodar os obxectos das cociñas, cando de súpeto, danse conta da presenza destes anfibios, ao principio levaron un pequeno susto, pero despois souberon convivir en harmonía.
A píntega común é un anfibio moi ben coñecido, xa que non pasa desapercibida pola súa cor, e isto fai que teña multitude de nomes no noso territorio: pinta, píntega, sacabeira, pinchorra, sacarrancha ou saramaganta, entre outros. Xustamente esa cor tan pouco común na nosa fauna foi o que propiciou que arredor dela medrasen un montón de lendas, que falan dos seus poderes máxicos e a converteron nun animal moi temido antigamente.
Hoxe sabemos que é un anfibio groso, que mide entre 12 e 18 cm, de cor negra con manchas irregulares amarelas, que varían moito segundo a zona xeográfica. Non é exclusiva da nosa terra, senón que vive tamén en zonas de África ,Asia, Siria, Israel e dende a Peníndula Ibérica deica Ucraína. En Galicia vive dende o nivel do mar ata os 1800m e pódese atopar ata nas Illas de Ons e as Cíes. Pode aparecer en calquera tipo de hábitat, pero é máis común en fragas sombrías e húmidas, vive sempre preto de cursos de auga, máis non se mete neles, non é nadadora e mesmo pode afogar.
Son animais ovovivíparos e as femias paren entre 5 e 80 larvas. Como dato curioso sabemos que nesta especie se dan casos de canibalismo intrauterino, coméndose unhas larvas ás outras no ventre da nai.
Aliméntanse de larvas de insectos, miñocas, gasterópodos e pequenos araneidos.
Como ves non hai porqué terlle medo, pero si hai que respectala, procurar non tocala se non é imprescindible e se o facemos que sexa coas mans moi limpas e libres de produtos químicos para non causarlle danos e despois lavalas moi ben, xa que a secreción das súas glándulas parótides ( esas zonas abultadas detrás dos ollos) é irritante das nosas mucosas.
No noso cole contamos cunha contorna tan natural e tan rica que temos a sorte de velas por aquí. É posible que teñamos algunha femia,que se ve moi gordiña e pode estar a pique de parir. Paren durante o outono, e nalgúns lugares de montaña ata a primavera, para iso buscará un charco e parirá alí as súas larvas ou, nalgúns casos, parirá en terra larvas xa completamente "metamorfoseadas".
Comentarios
Publicar un comentario