Saltar ao contido principal

A VACALOURA OU ESCORNABOIS.

 
Hoxe apareceu polo colexio unha nova visitante, a vacaloura. Os nenos e nenas extrañáronse ao ver este insecto nada común, primeiro vírono na horta e despois na parede do pavillón; estivérono observando un bo anaco.

A vacaloura é, xunto ao capricornio (Cerambyx cerdo), o escaravello de maior tamaño de Europa. “Pertence á Familia Lucanidae, que na Península Ibérica consta de 9 especies. En Galicia temos 5, onde esta especie dende logo, é a máis espectacular”, explica Pablo Torrella, conservador do museo da Sociedade Galega de Historia Natural e un dos principais expertos neste insecto.O gran tamaño das mandíbulas dos machos é, segundo Torrella, unha clara mostra da selección natural que observou Charles Darwin. As vacalouras macho válense das súas mandíbulas para loitar entre elas na procura das femias. Así, “as diferenzas de tamaño de mandíbula son de vital importancia ecolóxica para os exemplares, xa que os que maior tamaño presentan son os que terán maior posibilidade de saír vencedores desas loitas”, sinala o experto. As femias, pola súa banda, teñen unhas mandíbulas moito máis curtas, polo que é sinxelo diferenciar esta especie en canto ao sexo.Nos ecosistemas galegos, a vacaloura xoga un papel moi importante para contribuír ao “enriquecemento do solo dos bosques e á rexeneración e formación do humus, tanto por medio da súa alimentación como grazas aos seus detritos”, segundo destaca Pablo Torrella. O insecto aliméntase de madeira descomposta de grandes árbores caducifolias (sobre todo carballos e castiñeiros) e, ao tempo, serve de alimento a especies como “as aves nocturnas, os petos carpinteiros, ourizos, teixugos ou raposos”.

Debido á súa alimentación, a deficiente xestión forestal de Galicia tamén afecta á vacaloura. O retroceso das fragas e os lumes comprometen, segundo Torrella, o futuro deste insecto. “As principais ameazas para a especie son a introdución de especies vexetais foráneas, en especial o monocultivo de eucalipto,e a conseguinte desaparición e fragmentación do seu hábitat por estradas con tráfico rodado; os lumes e a obsesiva recollida de madeira ‘morta’ dos bosques co fin de evitar a propagación dos incendios. A nivel ibérico hai constancia de captura de exemplares para a súa venda”, sinala Pablo Torrella.

O ciclo de vida da vacaloura presenta “unha metamorfose completa (adulto-ovo-larva-pupa-adulto). A fase adulta é a máis curta, xa que apenas viven vinte días, alimentándose do zume dalgúns froitos e das fendas nas codias das árbores. Pola súa duración, destaca a fase larval, na que poden estar entre un ano e máis dun lustro. Nesta etapa é “cando máis alimento consume, “polo que o seu tamaño pode acadar os 10 cm de lonxitude”, sinala Torrella. “A pupación lévase a cabo no interior da madeira, ao pé da árbore, na parte inmediatamente inferior soterrada. Realízana nunha cámara creada pola larva con restos de madeira e pó ou terra. Os adultos nacen en outono, pero non abandonan a cámara pupal ata a chegada do verán, que é cando emerxen en Galicia”, explica o experto da SGHN.

A vacaloura, tamén chamada escornabois (Lucanus cervus) é un dos insectos que máis pegada deixou na cultura popular galega. A particular apariencia dos machos, cunhas mandíbulas moi desenvolvidas, semellantes a cornos, desatou a imaxinación de moitas xeracións de nenos e maiores do país. Autores como Risco, Cabanillas ou Bouza Brey recolleron cántigas e lendas sobre as supostas propiedades sandables deste insecto. Os máis novos tamén lembrarán a canción de Carmiña Vacaloura que o Maestro Reverendo lle adicou no Xabarín Club.

 No 2016 foi declarada “Especie do Ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.







Comentarios

Publicacións populares deste blog

ECONOMÍA CIRCULAR. 2º DE PRIMARIA.

Continuamos coas exposicións de temática medioambiental relacionadas co proxecto de centro  "Coida do clima, coida dos teus".   2º de primaria foi o curso encargado de proseguir o proceso expositivo co seu traballo "A Economía Circular" conmemorando así o Día Internacional do Consumo Responsable que se celebrou o 15 de marzo.  A economía circular é vital para combatir o cambio climático xa que aborda o 70% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro derivadas da extración e uso de materiais. Ao reutilizar, reparar e reciclar produtos redúcese a necesidade de recursos virxenes, disminuindo a enerxía e a contaminación asociadas. Podemos considerar o noso sistema económico actual como unha economía "lineal", un modelo que extrae materia prima da natureza, creando produtos a partir dela e cando xa non serven tíranse como residuos. Esto produce un impacto significativo sobre o medio ambiente, agravando a crise climática, a pérdida de biodiversidade e p...

DÍA DO LIBRO CON SUSA HERRERA.

    O Día Internacional do Libro foi fixado pola   UNESCO no ano   1995 para fomentar a cultura literaria e protexer a propiedade intelectual; tendo como obxectivo apoiar a creatividade, a diversidade e a igualdade de acceso ao coñecemento. Escolleuse esta data porque coincide co pasamento de tres grandes autores da literatura universal, como foron: William Shakespeare, Garcilaso de la Vega e Miguel de Cervantes .  En Cataluña a xornada cadra tamén co Día de Sant Jordi, onde a tradición agasalla cunha rosa e un libro. No colexio conmemoramos o Día do Libro coa visita de Susa Herrera. Ela naceu en Santander e adicou a súa traxectoria profesional á docencia e á divulgación musical. Foi profesora titular de Expresión Musical na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. É autora de moitos contos para nenos e nenas e leva toda a vida demostrando que os contos tamén se cantan e ademáis pódense bailar. Agora está xubilada, máis segu...

ACOLLIDA DO NOVO ALUMNADO DE INFANTIL

 Hoxe na nosa Aula da Natureza fixemos a acollida do alumnado de nova incorporación para o novo curso de 4º de infantil. Comezouse  cunha actividade de benvida con fotos destes novos nenos e nenas ,  despois fixeron outra actividade titulada "Abrazo á árbore",  que consistía en abrazar distintas árbores con cintas elásticas de cores, tamén   compartiron cancións, xogos e  unha merenda saudable na nosa fermosa carballeira.