Dous técnicos de ADEGA recolleron hoxe no centro escolar a exposición itinerante sobre as especies invasoras. Foron doce paneis ilustrativos que nos amosaron, nestes quince días, a necesidade de coidar das nosas árbores e animais autóctonos, tratando de identificar e reducir o número de especies invasoras.
Aproveitando esta visita, os técnicos fixeron unha saída pola nosa carballeira coas nenas e nenos de infantil e 1º ciclo de primaria para explicarlles a función que realizan as árbores para mellorar as condicións de vida no planeta. Rematamos esta actividade plantando un teixo e un rascacú na carballeira, deste xeito contribuímos a aumentar o número de árbores no noso patio.
As árbores son fonte de vida, non só en canto aos ecosistemas naturais, senón tamén para a supervivencia do ser humano. Destacando a súa utilidade na alimentación, como combustible e como materia prima para construir unha gran variedade de obxectos. Son necesarias para o medio ambiente, para o ser humano e para o resto da natureza.
Con esta actividade conmemoramos nesta semana o Día Mundial do Hábitat ( 2 de outubro) e o Día Internacional da Protección dos Animais.
Comentarios
Publicar un comentario